En 1984 en Viveiro lévase a cabo a I Feira de Mostras e de Artesanía Popular Galega. A Asociación de Viuvas e Amas de Casa do concello ofrécese voluntaria para participar ensinando o funcionamento dun tear antigo de baixo lizo, o proceso do liño e o proceso da la. A presidenta de dita asociación, a Sra. María Chao, quere darlle especial énfase en aprenderlle estas cousas ós máis novos. E aquí entra Noela en escea:
Lidia Díaz, como socia da devandita asociación, participa activamente na feira de artesanía ano tras ano, levando consigo a unha das súas netas (Noela), que está cada ano máis interesada en seguir aprendendo cousas: empeza por escarpear a la (xa lavada) da ovella para despois cardala e fiala co fuso e a roca.
Outro ano aprende, de palabra, o proceso completo do liño, dende a súa semente ata poder tecer con el no tear. Uns anos despois ela mesma sería partícipe desas labouras.
En moi poucos anos, diferentes mulleres da zona aprenderíanlle a tecer no antigo tear (que contaba, según a Sra. María, con máis de 500 anos!). Agora sí xa coñecía o proceso completo, pero ela quería saber sempre algo máis. Noela tiña 10 anos.
As mulleres da Asociación de Viuvas estiveron sempre volcadas na formación desta moza: que se vainicas, que se lorzas, que se calcetíns de la, e ela encantada de recibir tanta atención! Tanto que incluso unha das súas amigas do cole empezou a ir con ela a aprender todas estas cousiñas situadas tan preto do esquecemento. E así, ano tras ano ambalasdúas foron sentindo aquel tear e aquel liño como seus.
Sendo xa maiores de idade, a Sra. María xestionou envialas facer un curso de tecido en alto lizo ó Centro de Artesanía Textil de Gondomar, onde verían que lles quedaban tantas cousiñas por ver e aprender…
Pero chega o momento de marchar estudar fóra: Noela escolle Turismo (na súa 1ª promoción universitaria na Coruña). Seguindo os estudos cursados, Noela comeza un periplo de traballos distintos en diferentes lugares (Mallorca, Benidorm, A Coruña, Vigo, Guitiriz, Barcelona, Lugo…), pero sobre todo en hoteis. Durantes estes anos quédalle pouco tempo para a artesanía, pero sempre queda algo… Como dicía a súa bisavoa (extremeña) “a buen bailaor siempre le queda compás!”.
Aproveita para tramitar daquela (no ano 2002) a Carta de Artesán.
E unha vez instalada en Lugo coñece a existencia do Centrad (Centro de Artesanía e Deseño, dependente da Deputación provincial de Lugo). Alí comezaría unha aprendizaxe moi interesante e extensa, non só no mundo dos teares, senón tamén noutros aspectos do téxtil como o feltro, o shibory ou o macramé, así como no mundo da cestaría, considerada como a nai dos tecidos.
É agora cando comeza a darlle voltas á idea de vivir da artesanía, ou polo menos de intentalo.
E no ano 2011 a maternidade da un xiro á vida de Noela. A imposibilidade dunha conciliación entre a vida laboral (na recepción dun hotel) e familiar lévaa a tomar a decisión de deixar o seu traballo en Lugo e montar un Obradoiro de Artesanía Textil en Vilalba, chamado “Sra. María” e lembranza de todas aquelas mulleres que o fixeron posible (en especial a Sra. María, Marina e, como non, a avoa Lidia).
Neste obradoiro, ademais de crear pezas téxtiles e de facer demostracións de oficio, tamén se impartiron cursos a diferentes colectivos.
Mentres tanto, en 2015 sacaría o título de guía turística oficial de Galicia (a nº 3), xa que ve que ambos oficios poden convivir idoneamente. Sen deixar nunca de formarse.
Debido a un accidente laboral, en 2018 debe deixar de tecer, polo que se volca máis profunda e decididamente no oficio de guía turística, especializándose na metade Norte da provincia de Lugo e no Norte da de A Coruña.
En 2019 saca o título de Docente para a Formación Profesional e en 2020 un Máster de Accesibilidade en Turismo que acabaría sendo parte dun seguinte Máster, esta vez en Planificación e Dirección de Turismo de Interior e de Saúde.
Actualmente combina todos eses oficios: guía turística, docente de Formación Profesional e de artesanía, e, desde 2013, forma parte da organización da Feira de Artesanía De Viveiro (sendo Presidenta desde ese ano da Asociación Cultural PROA, que vela Polo Respecto Ós Artesáns), que tanto marcou a súa vida.